Sunday 05 de May de 2024

En total investiranse 80.000 €, tras acadar a Concellería de Obras e Infraestruturas unha redución do 10% sobre o orzamento inicial


Todo listo para o inicio das obras de mellora do acceso ao parque empresarial de Merelle

O Concello de Ordes iniciará nos vindeiros días as obras de mellora do acceso ao polígono empresarial, entre o enlace coa N-550 e o inicio da estrada de Ordes a Cerceda por Mercurín. Concretamente trátase dun tramo de 500 metros de lonxitude. Aínda que o orzamento inicial está cifrado en 90.000€ as xestións e negociacións realizadas pola Concellería de Obras e Infraestruturas supuxeron unha redución dun 10% sobre este prezo inicial (80.0000€). Unha cantidade subvencionada nun 80% pola Consellería de Economía e Industria a través das axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas de parques empresariais.

Mediante a aplicación de conglomerado e a reposición de firme nas zonas de saneo, ademais do posterior repintado, conseguirase arranxar o estado de deterioración que presenta, cun importante desgaste estrutural e superficial que diminúe considerablemente a seguridade viaria. Unha situación moi deficiente ocasionada na súa maior parte polo continuo tránsito dos vehículos pesados que se dirixen á planta de SOGAMA. Toda esta serie de medidas foron ratificadas na acta de trazado de planta tras a xuntanza mantida onte entre a concelleira de Obras e Infraestruturas, Beatriz Martínez, e os responsables da empresa que levarán a cabo as obras, que nestes últimos días xa comezaron coa limpeza das cunetas.